Sunday 28 de April de 2024

As vivendas pobrenses mellor decoradas polo Nadal terán un premio


O IV Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas volverá premiar un ano máis as vivendas mellor decoradas na Pobra do Caramiñal. Trátase dunha acción máis no seo da campaña Consigue Caramiñas, Comparte Nadal, que impulsa a Concellaría da Promoción Económica para, nas palabras da edil, Amparo Cerecedo, “dinamiza-la vida social e económica do noso concello.”

Xunto coa técnica municipal desta área, Sara Sánchez, explicou que esta edición presenta algúns cambios con relación ás anteriores. Este certame repartirá 2 100 euros no total: un primeiro premio de 600 euros e cinco segundos de 300 euros (un por cada parroquia: Santa María a Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, Santo Isidro de Posmarcos, Santa Cruz de Lesón e Santa María do Xobre).

Estas distincións serán no formato dun vale/caramiñas para trocar nos máis de corenta establecementos comerciais e de servizos repartidos por todo o municipio adheridos a esta iniciativa, polo cal contarán cun distintivo nun lugar visible.

No que respecta ós prazos, disponse ata o día 2 de decembro para formaliza-las inscricións pola vía electrónica en promocioneconomicapobra@gmail.com ou telefónica no 981843280, marcando a extensión 2035. Deberase indica-lo nome e o documento de identidade da persoa participante, o enderezo e a parroquia do balcón, ventá ou fachada e un teléfono de contacto. Logo de formalizada a matrícula e engalanadas as vivendas, remitirase polo referido correo electrónico un mínimo de dúas fotografías.

O período para a ornamentación remata no 6 de decembro. A decoración deberá permanecer ata o día 6 de xaneiro, ámbalas datas incluídas.

O ditame do xurado darase a coñecer no 11 de decembro e as persoas agraciadas dispoñen ata o día 24 para entrega-las caramiñas. As bases completas pódense consultar na web municipal www.apobra.gal.